Friday 10 de May de 2024

O Concello saca a concurso a segunda fase do plan de renovación do ámbito do mercado municipal de Monte Alto


A Concellaría de Infraestruturas aproveitará a reforma da praza para mellorar a iluminación e instalar xogos infantís

O Concello da Coruña informa de que se saca a concurso a remodelación da praza que se encontra sobre o mercado municipal de Monte Alto. Este novo proxecto, presupostado en 861.353 euros e cun prazo de execución de 4 meses, permitirá completar a primeira fase do plan de reurbanización da zona e no que se inclúe a reforma das rúas Conto, Forcarey e Joaquín González.
Esta segunda fase do proxecto aprobouse na Xunta de Goberno celebrada a semana pasada e inclúe a remodelación da praza situada sobre o mercado de Monte Alto. Neste caso, as obras licítanse por 861.353,61 euros e un prazo de execución de 4 meses. O principal obxectivo é modernizar a praza para convertela nun espazo público máis amable que permita recuperar o seu papel central e como punto de encontro e convivencia no barrio.
Ademais, realizaranse traballos de impermeabilización e reparación de canalizacións de auga antes da pavimentación da praza, repoñerase a pérgola da parada de bus para integrala no concepto estético do resto do mobiliario urbano; mellorarase a iluminación para impulsar a eficiencia enerxética; e instalarase unha zona de xogos infantís e outra máis estática e abeirada grazas a unha marquesiña que protexa do sol e da chuvia.
REMODELACIÓN DE RÚAS
A primeira fase do plan de reurbanización da zona consiste na remodelación das rúas Conto, Forcarey e Joaquín González. Presupostada en 483.852 euros e un prazo de execución máximo de 8 meses, recibíronse 16 propostas para esta obra. Os traballos permitirán emendar as deficiencias existentes nestas tres vías que rodean a praza; favorecer a mobilidade peonil na zona, así como o acceso ao aparcadoiro, o mercado e a escola infantil; instalar rede separativa de saneamento e canalizacións de iluminación e telecomunicacións das que carecía; e recoller augas pluviais procedentes das baixantes dos edificios e instalar unha nova rede de sumidoiros.
Entre ambas as dúas fases de licitación do proxecto, a Concellaría de Infraestruturas destina máis de 1,34 millóns de euros a esta obra que se executará en 2015.